Título de la materia: | Lingua |
||
Nivel: | Primaria 5 | Opción: | F |
Nombre: | Grupo: | ||
Evaluación: | N.º: | ||
Calificación: | Fecha: |
Ejercicio nº 1.-
Le o texto e contesta as preguntas:
Na noite pecha, baixo a luz do día, os bruxos xúntanse para compartir segredos. Din que moitos deles o fan diante dunha cova, en Zugarramundi. Quéntanse arredor do lume e falan de misterios e conxuros, de feitizos, apócemas e antigas receitas. Falan, cantan e bailan ata que canta o galo, que é cando teñen que volver ás súas casas. E non importa que atopen a porta ou a ventá pechada, porque o bruxo pode volverse pequeno coma unha formiga ou lixeiro coma unha racha de vento, e así entrar por calquera fenda.
Os bruxos saben que non son ben vistos pola xente, que desconfía da súa maxia; por iso non se reúnen moi a miúdo. Ademais, nunca descobren os seus poderes e viven coma persoas normais, intentando pasar inadvertidos. Poden ser homes ou mulleres, poden ter o pelo roxo e os ollos verdes, pero tamén o cabelo escuro e un ollo de cada cor. Só se pode recoñecer un bruxo ou unha bruxa porque de noite, sen querelo, quedan mirando para a lúa, coma hipnotizados por ela.
Paula Carballeira: Voces no sumidoiro, Anaya.
a) Cando e onde se xuntan os bruxos?
b) Para que se reúnen?
c) Cando volven á casa?
d) Como entran se a porta está pechada?
e) Como podemos saber se unha persoa é un bruxo ou unha bruxa?
Le o texto e contesta as preguntas:
Non hai follas verdes
nin perlas no mar,
area nas praias
nin ondas de sal.
Xa non funga o vento
nin voa o pardal.
As flores non medran
nin quenta o verán.
Que ocorre na terra?
Que ocorre, rapaz?
Se son pesadelos,
eu quero espertar.
As árbores perden
as pólas sen máis
e nos amenceres
o sol non está.
Que ocorre na terra?
Que ocorre, rapaz?
Se son pesadelos,
eu quero espertar.
A. García Teijeiro: Paseniño, paseniño, Everest.
a) Rodea nesta listaxe as cousas que xa non hai:
amorodos − follas verdes − sol − neve − verán − lúa − mazás − pólas
b) Por que cre o autor que se trata dun pesadelo?
c) Que estación do ano se cita no poema?
d) Ti que cres que ocorre na terra?
Le o texto e contesta as preguntas:
Inés non lle quitaba ollo á rúa desde a terraza mentres sacaba as malas herbas das plantas.
6Que tanto miras polo balcón? 6preguntoulle Roberto, que folleaba tranquilamente o xornal.
6A ver se os vexo pasar 6contestoulle Inés6. Aí van, que che parece?
6Que me vai parecer? Meu pai e Eleanora camiñan pola beirarrúa, onde está o raro?
6Míraos ben. Non te decatas de como levan os brazos?
6Van de ganchete.
6Iso. E non che parece raro que dous veciños vaian de ganchete? Penso que teu pai e Eleanora están namorados.
6Vaia descubrimento! Pois mira que non se lles nota nada, e iso que eu case non paro na casa! 6exclamou Roberto volvendo ao sofá e reanudando a lectura do xornal.
An Alfaya: A encontadora, Xerais (adapt.).
a) Onde está Inés?
b) Por que mira a rúa continuamente?
c) Que fai mentres Roberto?
d) Que quere dicir “ir de ganchete”?
Le o texto e contesta as preguntas:
Cando estaba no coche, vin unha cousa que nunca vira. Vin... pasma!: un campo de gaivotas. Todas pousadas coma se fosen plantas chantadas na terra. Era imposible contalas. Eu cheguei ata máis de duascentas, pero xa me aburría. E había outras tantas, polo menos. Estaban todas quietas quietas, mirando cara ao mar, separadas coa mesma distancia. Parecían plantas. Que guai! Logo souben que iso o fan cando senten temporal. Veñen á terra. Que raro, non?, porque elas viven case sempre no mar. Daquela nós, que vivimos na terra, cando ventamos perigo teriamos que ir para o mar. Ha, ha! Nin tolo. Entón si que, en vez de pedirlle á avoa uns deportivos, tería que pedirlle unhas aletas e vinte flotadores, porque... non sei nadar!
Concha Blanco: Quero que veñan meus pais, Casals.
a) Cantas gaivotas viu o neno?
b) Que facían as gaivotas?
c) Por que parecían plantas?
d) Por que as gaivotas estaban na terra e non no mar?
Le o poema e contesta as preguntas:
A neniña está cosendo
un fermoso manteliño.
Dá puntadas e puntadas
nun branco anaco de liño!
A neniña está cosendo,
a neniña está bordando:
en cada puntada súa
un soño vai apreixando!
A boneca é unha espiga
de maíz, con pelo loiro.
A boneca hai que vestila
que non pode andar en coiro!
A neniña é moi probiña*.
Cose, cose no ourelo,
á boneca hai que poñerlle
o seu fermoso mantelo...!
A boneca é moi fermosa,
máis fermosa non a hai!
A boneca fai de filla
e a neniña fai de nai...!
Manuel María: Os soños na gaiola, Xerais.
*Debería dicir pobriña.
a) Busca no poema un sinónimo de cosendo.
b) Para quen está facendo o mantelo?
c) A que xogan as dúas?
Le o texto e contesta as preguntas:
Cada vez que ocorría unha catástrofe ambiental ou había a sospeita de que unha fábrica vertía substancias tóxicas aos ríos, tiñan que trasladarse ao lugar. Pero esta vez era distinto. En San Telmo creárase recentemente un Instituto de Bioloxía Mariña e ofreceron aos señores Fontán a oportunidade de que o dirixisen. Tras falalo con Santi, pensaron que sería un bo sitio para botar raíces e deixar as mudanzas, polo menos por un tempo.
A Santi, comezar de novo noutra cidade non lle facía moita graza. Custáballe bastante facer amigos e prefería quedar na casa lendo ou saír dar unha volta coa bici. Acomplexábano moito as súas orellas de fol, que aínda que non eran para tanto, sempre lle fixeran sentirse diferente dos outros nenos. Aínda tiña gravado na memoria o alcume de Dumbo, que lle puxera o macarra de Abreu, un rapaz que ía á súa clase e que, afortunadamente, deixara atrás ao mudarse.
Leticia Vila Sexto: Os tratantes de papagaios, Galaxia.
a) En que cidade se asenta a familia de Santi?
b) Onde van traballar os seus pais?
c) Por que a Santi non lle gustaba cambiar de cidade?
d) Que parte do seu corpo non lle gustaba a Santi?
Le o texto e contesta as preguntas:
Era de día, un día calquera de verán. Na lagoa, no medio da fraga unha camada de ratos de campo pasaba o primeiro día da súa vida asombrados por todo e divertidos.
No mar, as ostras afanábanse por fabricar as perlas máis fermosas.
No galiñeiro, as galiñas comían millo, e herbas, e vermes, e todo. Despreocupadas.
Os vagalumes durmían arrimados nos foxos da estrada.
Os lagartos quecían ó sol. Contentos.
E os nenos durmían a sesta... moi aburridos.
Chegou a tarde e o sol poñíase. No ceo apareceu a lúa redonda.
Na fraga, o primeiro rato que a viu chamou a outro, e pronto, toda a colonia de ratos miraba para o ceo con aglaio*. “Que é?”, dixo un. “É un queixo”, dixo outro. “Un rico queixo redondo e manteigoso”. Todos se relamberon. Trataron de collelo subindo uns enriba dos outros. Pero, ca!, non conseguiron nada.
Elvira Pérez: A contar ovellas, Xerais.
aglaio: abraio.
a) Escribe o nome de todos os animais e os insectos que aparecen no texto. (Fai dous grupos: animais e insectos).
b) Onde ten lugar esta historia?
c) Que pensaron que era a lúa?
Le o texto e contesta as preguntas:
PRESENTADOR: Bos días, Pepe. Quería que me aclarase, se fose vostede tan amable, o que pasou hai uns minutos dentro da catedral.
DON PEPE: Verá. Eu tamén lle estou moi desconcertado. As nenas miraban o botafumeiro e, curiosiñas elas, tocaban o metal. Unha subiu ao aparello e as outras dúas seguírona.
PRESENTADOR: Foi entón cando comezou a voar?
DON PEPE: Non, non. Foi como se estivese quentando motores. Primeiro oíuse un tin, tin, tin… suaviño.
PRESENTADOR: E as nenas?... Non se asustaron?
DON PEPE: Non, ho! Rían… Acostumadas como están a estas cousas tan raras das festas, soben e baixan a esas velocidades…
PRESENTADOR: E que pasou despois?
DON PEPE: Logo empezaron a subir moi a modiño, ata que as nenas se agarraron ben, e foi collendo velocidade e altura.
PRESENTADOR: E vostede, non puido paralas?
DON PEPE: Quedei tan aparvado que non souben dicir palabra. Nin sequera me deu tempo a subir con elas, que, non crea, gustaríame, por ver desde o alto esas rúas do casco vello…
PRESENTADOR: E agora? Que pensa facer agora?
a) Que dous personaxes interveñen no diálogo?
b) Onde tiveron lugar os feitos que conta Don Pepe?
c) Que é o que lles sucedeu ás nenas?
Le atentamente e contesta as preguntas:
Guión e debuxos: Primitivo.
a) Que personaxes aparecen neste cómic?
b) Que cres que ocorreu antes destas viñetas?
c) Que pensas que sucederá despois?
Le o texto e contesta as preguntas:
Os mazaricos son aves de gran tamaño, co peteiro longo e curvado cara a abaixo e o pescozo e as patas tamén longos.
En Galicia, os dous tipos máis frecuentes son o mazarico curlí (Numenios arquata) e o mazarico galego (Numenios phaepus), que ten unhas listas escuras na parte superior da cabeza, é algo máis pequeno e ten o peteiro máis curto.
Son aves migratorias que se desprazan en grandes bandadas para protexerse. Veñen pasar o inverno connosco, e no verán, cando as temperaturas son máis mornas, volven ao norte de Europa para criar facendo os seus niños no chan dos humedais.
Os mazaricos son aves limícolas, é dicir, aliméntanse no limo ou barro das ribeiras, onde comen crustáceos e outros invertebrados que nel habitan. Por iso é fácil velos, con axuda duns prismáticos, nas lagoas, esteiros e praias de Galicia.
César Pérez (adapt.).
a) Que tipo de texto é:
Narrativo Expositivo Teatral Dialogado
b) Que rasgo caracteriza a este tipo de textos? Escolle só un:
− sempre hai unha introdución, un nó e un desenlace.
− a información exponse de maneira clara, ordenada e rigorosa.
− hai un narrador e uns personaxes.
c) Que temporada pasan os mazaricos en Galicia?
d) En que consiste a súa alimentación?
Le o texto e contesta as preguntas:
Xa o dixen pero vouno volver dicir; chámome Álex.
Dixen isto para centarme, porque ás veces cústame ter claro que é o que quero contar. A miña profesora de Lingua di que cando queiramos ordenar as ideas debemos utilizar unha linguaxe esquemática, directa e clara.
É curioso, pero funciona.
Non sei ben o motivo, pero o caso é que as ideas tenden a desordenarse moitísimo na cabeza, e falando así ordénanseche.
O problema é cando nin sequera tes ideas na cabeza. Iso foi o que me pasou a min no último exame de Lingua, que por máis que tentaba ser esquemático, directo e claro, non se me ocorría nada que dicir, porque non recordaba nada do que deramos na clase nin do que viña no libro, no suposto de que este ano teñamos libro de Lingua que, se che digo a verdade, agora xa non che estou moi seguro.
Rodrigo Muñoz Avia: Os perfectos, Rodeira.
a) Que linguaxe lles recomenda usar a profesora de Lingua?
b) Para que serve ese tipo de linguaxe?
c) Que problema tivo Álex no exame de Lingua?
Le o texto e contesta as preguntas:
De todas as bruxas que eu cheguei a coñecer, esta é, con moito, a máis bruxa de todas. Xa saberás por que. É unha bruxa auténtica, coma as de sempre, unha bruxa de regulamento. Vive nunha pequena casoupa, preto dunha cidade chamada… Bo, agora non me acordo como se chama, pero pouco importa iso. A súa casa está no medio dunha fraga mesta e tebrosa, por onde dá medo pasar; pero ela non ten medo ningún a vivir alí, que por algo é unha bruxa, e as bruxas non teñen medo a case nada.
Fíxate se é bruxa bruxa que ademáis de ter todas as cousas que unha bruxa ten que ter para ser bruxa, chámase Catuxa. Ser é unha meiga seria e cumpridora, aínda que tamén moi despistada e esquecediza. Tan despistada é, e ten tan mala memoria, que moitísimas veces nin sequera se lembra do seu nome, e iso que é ben doado de recordar. Pero o peor non é iso, o peor é que é un pouco cutre.
Antón Cortizas: A bruxa sen curuxa, Ediciones SM.
a) Busca no texto un sinónimo de “bruxa”.
b) Fíxate no segundo parágrafo e subliña todos os adxectivos que a describen.
c) Que é o que lle ocorre ao ser tan despistada?
No hay comentarios:
Publicar un comentario